Nov
03
2010
0

Dez razóns para pechar as térmicas de carbón

Diversas organizacións de defensa ambiental de ámbito galego e español promoveron o manifesto “Dez razóns para pechar as térmicas de carbón”, no que se opoñen ao decreto estatal que favorece a queima de carbón español nas centrais térmicas, mais non porque prexudique as centrais galegas de Meirama e As Pontes -que usan só carbón importado desde 2008- senón porque o carbón é o combustible fósil máis contaminante. A substitución da electricidade sucia do carbón debería ser a prioridade número un da loita contra a mudanza climática e pola sustentabilidade.
(máis…)

Written by alianzagalega in: Sen clasificar |
Set
28
2010
0

Abandonar o carbón, a mellor medida en Galicia contra o cambio climático

Entre 1990 e 2008 as emisións galegas de gases de invernadoiro aumentaron o 6,2%. Porén, se toda a electricidade xerada con carbón durante 2008 se tivese aforrado ou producido a partir de renovables, as emisións totais de gases de invernadoiro en Galicia terían diminuído un 20% en 2008 a respecto de 1990. Incluso se se tivese substituído pola produción sucia dos ciclos combinados a gas natural terían baixado un 12,4%. Deixar de queimar carbón nas ineficientes centrais de Meirama e As Pontes sería a medida viable a curto prazo máis eficaz para que Galicia comezase a reducir drasticamente as súas altas emisións de gases causantes do cambio climático, polo que a asociación ecoloxista Verdegaia rexeita todas as iniciativas destinadas a defender as posibilidades de produción destas centrais.
(máis…)

Written by alianzagalega in: Sen clasificar |
Abr
05
2010
0

Día da Terra 2010: Marcha entre a central térmica de Meirama e a incineradora de SOGAMA

Diversas organizacións cidadás, entre elas varias integrantes da Alianza Galega polo Clima, convocaron para o sábado 24 de abril unha “Andaina polo Clima” en Cerceda (A Coruña) baixo o lema “O clima non está á venda”. A marcha discorrerá entre a central térmica de carbón de Meirama, propiedade de Gas Natural-Unión Fenosa, e a incineradora de residuos urbanos de  SOGAMA. Deste xeito, as organizacións convocantes súmanse desde Galiza ao Día da Terra, celebración ecoloxista da que en 2010 se cumpren corenta anos.
(máis…)

Written by alianzagalega in: Sen clasificar |
Dec
15
2009
1

Manifesto galego polo clima

Por iniciativa da Alianza Galega polo Clima – constituída hai 3 meses por Amigos da Terra, Greenpeace e Verdegaia – diversas organizacións sociais e plataformas cidadás galegas(1) asinan un manifesto baixo o lema “Sustentabilidade e xustiza contra a crise climática”. Coincidindo coa recta final do Cumio do Clima de Copenhague, esta organización demanda a nivel internacional e galego a adopción de accións efectivas para previr unha mudanza climática catastrófica.

Manifesto galego polo clima

Sustentabilidade e xustiza contra a crise climática

A mudanza climática está provocada principalmente pola queima de combustibles fósiles (carbón, petróleo e gas natural). A intensificación do efecto invernadoiro debida ás emisións humanas de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de invernadoiro é a causa dun quecemento global evidente. Os impactos negativos da mudanza climática inducida pola especie humana son xa significativos, pero os impactos máis catastróficos están aínda por vir se non actuamos a tempo para evitar que chegue a ser moi perigosa. Todo o mundo se vería afectado, pero serían os países empobrecidos e as persoas máis vulnerables as máis prexudicadas por unha posible catástrofe climática global que reduciría notablemente as dispoñibilidades de auga e alimento, levaría a numerosos ecosistemas e especies á extinción, dispararía os danos por secas e enchentes ou deixaría baixo as augas moitas terras costeiras, sen esquecer os graves impactos previstos sobre a saúde humana.

A crise climática é moito máis preocupante que a actual crise económica. A análise da información científica sobre os impactos actuais e proxectados da mudanza climática lévanos a concluír que estamos perante un desafío ineludible e urxente que implica a toda a humanidade. Se non estabilizamos o clima, as consecuencias ambientais, sociais e económicas serían terribles dentro xa de poucas décadas. Neste momento é necesario chegar a un acordo universal de redución de emisións ambicioso, xusto e vinculante se queremos evitar un cambio climático catastrófico.

Galicia non escapará aos efectos negativos da mudanza climática, máis graves canto máis intenso sexa o quecemento global: diminución da produtividade agraria e pesqueira, perda de diversidade biolóxica, maior incidencia dos incendios forestais, retroceso da liña de costa, etc.

Como parte do mundo enriquecido, Galicia é coresponsable do maior problema socioambiental global. As emisións galegas de gases de efecto invernadoiro aumentaron un 23,4% entre 1990 e 2007, menos que a media do Estado español pero máis que a media dos países industrializados. As nosas emisións por habitante son superiores non só ás emisións medias mundiais senón mesmo ás da Unión Europea. Nembargantes, Galicia podería xerar electricidade dabondo para satisfacer trinta veces a súa demanda eléctrica proxectada en 2050, desenvolvendo todo o potencial da solar, e nove veces desenvolvendo o seu potencial de eólica.

As centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama son, con moita diferenza, os maiores focos emisores de CO2 situados no noso territorio. Alén de contribuíren ás alteracións climáticas, producen contaminación atmosférica local por mor das emisións das súas chemineas e das descargas de carbón nos portos. As centrais de ciclo combinado a gas natural das Pontes e de Sabón son novas fábricas de cambio climático que se suman ás anteriores e para cuxo abastecemento se construiu unha impactante e perigosa planta regasificadora no interior da ría de Ferrol.

Despois da produción enerxética é o transporte -que duplicou as súas emisións desde 1990- o sector que máis contribúe á mudanza climática desde Galicia. Sufrimos un modelo de transporte moi dependente do coche e do camión que se sustenta na marxinación do transporte colectivo e na construción de custosísimas infraestruturas que destrúen o territorio. Un modelo que non garante a cohesión social e o equilibrio territorial de forma ecoloxicamente sustentable. Aínda que Galicia presenta unha das redes de autovías e autoestradas máis densas de Europa, a Xunta e o Estado continúan a investir fortemente na súa ampliación, ignorando non só o problema das alteracións climáticas senón tamén a realidade próxima do cénit do petróleo, do declive da produción deste recurso non renovable do que depende case totalmente o noso insustentable sistema de transporte. Mentres se aceleran as obras do tren de alta velocidade para comunicar Galicia con Madrid, nada se fai para crear servizos ferroviarios de proximidade e péchanse estacións de tren no eixo atlántico que quedan fóra do novo trazado. A ampliación dos aeroportos para aumentar o tráfico aéreo é un despropósito climático que conleva tamén importantes custos sociais para as xentes que viven na súa contorna.

O ano 2009 é chave na loita contra a mudanza climática. No cumio do Convenio da ONU sobre Cambio Climático que terá lugar en Decembro en Copenhague decidirase a sinatura do acordo que substituirá ou ampliará o Protocolo de Quioto, cuxo primeiro período de compromiso conclúe en 2012, e que non foi ratificado ou non está a ser cumprido por algúns estados como España. As organizacións asinantes sumámonos desde Galicia á demanda dun novo acordo climático vinculante, xusto e ambicioso que comprometa aos países industrializados a reduciren as súas emisións en polo menos un 40% para 2020 (logrando polo menos as tres cuartas partes desa redución con medidas dentro do seu territorio) a respecto dos niveis de 1990. Para 2050, as emisións mundiais deberán reducirse polo menos nun 80%, co que as dos países industrializados deberán ser o máis próximas a cero que sexa posible.

A nivel galego, esiximos á Xunta, aos Concellos, ás forzas políticas e ás empresas que actúen para salvar o clima. Cómpre avanzar con paso firme cara a unha economía baixa en carbono que nos permita equilibrar, equitativamente co resto da humanidade, os nosos estándares de vida coa capacidade do planeta para soportalos, decrecendo o consumo de enerxía e de recursos naturais, e optando decididamente pola obtención de enerxía de fontes renovables. Temos, necesaria e inevitablemente, que adoptar novas formas de producir, de consumir, de desprazarnos,…. que sexan ecoloxicamente sustentables e socialmente xustas.

Algunhas das medidas a adoptar desde Galicia que consideramos necesarias e urxentes son:

-Aprobar un Plan Galego de Acción Fronte á Mudanza Climática que sexa coherente coa información científica dispoñible en materia de mudanza climática, procurando, como mínimo, unha redución do 30% das emisións en 2020 a respecto de 1990. O Plan incluirá medidas de carácter normativo, educativo e fiscal.

-Desenvolver un decidido Programa de Aforro e Eficiencia Enerxética que atinxa en 2020 unha diminución mínima, en termos absolutos, do 20% do consumo de enerxía a respecto dos níveis de 2005.

-Estabelecer un calendario, con compromiso de seguimento, para o peche urxente das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama e impedir a construción de novas centrais térmicas que usen combustibles fósiles.

-Aprobar un novo e ambicioso Plan de Enerxías Renovables, que estabeleza o camiño, calendario e instrumentos necesarios para que Galicia cubra o antes posible, e non máis tarde de 2050, o 100% das súas necesidades de servizos enerxéticos con enerxías renovables obtidas no seu propio territorio e augas circundantes. Dito plan incluirá as medidas concretas necesarias para minimizar o seu impacto sobre o territorio e dará prioridade á xeración distribuída.

-Estabelecer unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas mentres non se aprobe un Plan Director de Transporte e Infraestruturas sustentable capaz de lograr unha transferencia sustancial de pasaxeiros e mercadorías cara aos modos menos consumidores de enerxía: ferrocarril convencional, transporte marítimo, autobús, bicicleta e marcha a pé.

-Promover un ordenamento do territorio que garanta o seu uso sustentable, preserve e intercomunique as zonas de valor ecolóxico e reduza a demanda de transporte motorizado.

-Desenvolver medidas concretas que aposten pola soberanía alimentaria, estimulando a produción e o consumo locais de alimentos de agricultura ecolóxica e labrega.

-Pechar canto antes a incineradora de SOGAMA para evitar as súas elevadas emisións de gases de invernadoiro e impulsar unha política de residuos urbanos que priorice . a redución e aposte por un modelo de xestión descentralizado que cree unha rede de plantas comarcais de reciclaxe e compostaxe e desbote totalmente a incineración.

-Recoñecer e asumir a nosa débeda de carbono –parte da máis ampla débeda ecolóxica- e contribuír na medida das nosas responsabilidades e capacidade ao financiamento de accións concretas (sociais e tecnolóxicas) para a mitigación e adaptación á mudanza climática nos países empobrecidos.

- Incrementar as medidas para prevenir os incendios forestais e evitar emisións de CO2 procedentes destes; promovendo o uso sustentable dos montes mediante a regulación de usos do solo e a inclusión da silvicultura preventiva nos planos de xestión dos montes.

A crise económica é unha oportunidade para iniciarmos a imprescindible transición cara a un modelo económico xusto e sustentable. É a nosa xeración, agora, quen ten a responsabilidade de iniciar este proceso. É tempo de actuar.

(1) Relación de organizacións que asinan o manifesto:

Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), Altermundo, Amigos da Terra, Ecodesarrollo Gaia, Federación Ecoloxista Galega (formada polos grupos ADEGA, ADENCO, APDR, Asemblea do Suído, CES, Coto do Frade, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, Luita Verde, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Xevale, Vaipolorío e Verdegaia), Greenpeace, Iniciativa Pola Soberanía Alimentar dos Pobos (formada polos grupos Amarante-Setem, A Cova da Terra, Eirado, Emaús, Fundación Galicia Verde, Panxea, Semente, Sindicato labrego Galego, Verdegaia e Veterinarios sen Fronteiras), Intermón Oxfam, Plataforma «Salvar o tren», Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Sociedade Galega de Historia Natural, Verdegaia e Veterinarios sen Fronteiras.

Written by alianzagalega in: Sen clasificar |
Dec
13
2009
0

O Consello Asesor de Medio Ambiente pide ao Goberno español un maior compromiso en Copenhague

Amigos de la Tierra, Ecologistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF conseguiron que o Consello Asesor de Medio Ambiente (CAMA) aprobase, mediante unha resolución, a postura que debería defender o Goberno español no cumio de Copenhague. A resolución presentada polas organizacións ecoloxistas recibiu os votos a favor de todas as organizacións membros do CAMA (sindicais e de consumidores/as), agás da Confederación Española de Organizaciones Empresariales (CEOE) e da Asociación Jóvenes Agricultores (ASAJA), que se opuxeron. O Goberno tampouco apoiou a resolución. O texto aprobado recolle que a UE debe dar mostras do seu liderado climático e asumir obxectivos de redución de emisións ambiciosos. Máis información aquí.

Written by alianzagalega in: Sen clasificar |
Dec
13
2009
0

Pedalada en Compostela no Día de Acción Global contra a Mudanza Climática

Perto de 50 ciclousuarios e ciclousuarias percorreron as rúas de Compostela convocados pola Rede Galega Anticapitalista- RA! , sumando os seus chifres e bucinas ao chamado mundial contra o cambio climático. Baixo o lema «Mudemos o sistema, non o clima!», uníronse o Día de Acción Global contra a mudanza climática (12 de decembro). Fixéronno defendendo os tres “c” do principio da Xustiza Climática: contracción (redución) das emisións mundiais; converxencia nas emisións por habitante; e compensación dos gobernos e transnacionais responsábeis da crise climática aos que sufren as súas consecuencias. Máis información aquí.

Written by alianzagalega in: Sen clasificar |
Dec
08
2009
0

As emisións de dióxido de carbono procedentes de combustibles fósiles aumentaron o 24,8% desde 1990

As emisións de dióxido de carbono (CO2) procedentes de combustibles fósiles (carbón, petróleo, gas natural) aumentaron en Galicia o 24,8% en 2007 a respecto de 1990, o ano de referencia para o Protocolo de Quioto. Pola contra, os estados desenvolvidos que ratificaron este protocolo diminuíron as emisións un 9,4% por termo medio durante o mesmo período. As nosas emisións por habitante de CO2 debidas á queima de combustibles fósiles son superiores ás emisións medias da UE.
(máis…)

Written by alianzagalega in: Sen clasificar |
Dec
04
2009
1

Un novo estudo demostra que é posible reducir as emisións nun 40% para 2020 en Europa

Segundo o novo estudo, unha solución xusta é económica e tecnicamente alcanzable con vontade política.

A unha semana de iniciarse o Cumio internacional sobre cambio climático en Copenhague, o Instituto de Medio Ambiente de Estocolmo, en colaboración con Amigos da Terra Europa, presentou un estudo que demostra que Europa pode acadar un obxectivo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro do 40% para 2020.

(máis…)

Written by alianzagalega in: Sen clasificar |
Nov
26
2009
0

As 30 organizacións de Coalición Clima denuncian que Zapatero non escoita aos que actúan contra o cambio climático

As organizacións que forman a Coalición Clima, plataforma de ámbito estatal, denunciaron que o Presidente do Goberno non quere escoitar as súas demandas para conseguir no cumio do clima de Copenhague un acordo ambicioso, xusto e xuridicamente vinculante. «O Presidente do Goberno non pode seguir escondéndose da sociedade civil, non pode seguir tapando cos seus discursos a súa falta de acción para loitar contra a mudanza climática, e non pode pór como excusa á Unión Europea para agochar a súa falta de ambición» declarou Raquel Montón, voceira de Greenpeace. Máis información na web de Coalición Clima.

Written by alianzagalega in: Sen clasificar |
Nov
02
2009
1

Cal che gustaría que fose o legado de Zapatero na Historia?

Á Coalición Clima gustaríalle que fose a opción 2. E ti que lle pides a Zapatero para a reunión preparatoria do Cumio Climático de Copenhague que ten lugar en Barcelona do 2 ao 6 de novembro?

opcion1

opcion2

Written by alianzagalega in: Sen clasificar |

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes